Incendios, eucaliptos e abandono institucional: Pode a cidadanía demandar á Xunta?

Galiza volve sufrir os efectos devastadores dos incendios forestais cada verán. Os montes arden, os medios repiten imaxes de lumes imparables, e a veciñanza sinala, unha vez máis, cara ao eucalipto e a xestión forestal da Xunta. Pero a indignación pode ir máis alá do debate político ou social: é posible demandar á administración galega por responsabilidade patrimonial?

Un modelo forestal en entredito

Nas últimas décadas, a política forestal galega permitiu —cando non fomentou— a expansión do eucalipto, unha especie altamente inflamable, invasora e de escaso valor ecolóxico. A súa presenza masiva en moitas comarcas non é froito do azar: responde a unha aposta clara pola produtividade rápida para alimentar a industria pasteira.

Porén, cada verán ponse en evidencia o custo desa elección: os lumes espállanse con velocidade en zonas de monocultivo, mentres que as carballeiras e frondosas autóctonas resisten moito mellor o avance do fogo.

A inacción tamén é responsabilidade

A lexislación española contempla a posibilidade de reclamar á administración por danos causados por acción ou omisión. É o chamado principio de responsabilidade patrimonial, recollido no artigo 32 da Lei 40/2015, do Réxime Xurídico do Sector Público.

Segundo esta norma, se a cidadanía pode demostrar que a Xunta non actuou cando tiña a obriga legal e os medios para facelo, e que desa omisión derivaron danos concretos, existe base para unha reclamación. E aquí entra a pregunta clave: Está a Xunta a incumprir os seus deberes en materia de ordenación do territorio e prevención de incendios?

Proliferación sen control

Organizacións ecoloxistas e numerosas voces do ámbito rural denuncian que a administración au galega n está a aplicar con firmeza as súas propias leis. A Lei de Montes de Galicia establece criterios de prevención, ordenación e limitación do uso forestal. Tamén o Plan Forestal Galego recoñece a necesidade de frear a expansión descontrolada do eucalipto.

Mais na práctica, os controis son mínimos, as autorizacións son laxas, e as zonas afectadas por lumes repóblanse de novo con especies pirófitas. Mentres tanto, comunidades de montes e pequenos propietarios que apostan polo bosque autóctono denuncian abandono e falta de apoio.

E se se leva aos tribunais?

A vía xurídica non é sinxela. Calquera demanda por responsabilidade patrimonial debe ir acompañada de probas claras: informes técnicos que relacionen directamente a omisión da Xunta cun incendio concreto e cos danos causados (perdas de vivenda, cultivos, masas forestais ou vidas humanas).

Porén, xa existen precedentes noutras comunidades e mesmo no eido europeo onde se condenou a administracións por non actuar con dilixencia fronte a riscos coñecidos. En Galiza, algunhas asociacións están a estudar esa posibilidade, e non se descarta unha demanda colectiva se continúa a inacción.

Tamén che podería gustar...