A teima improdutiva da Universidade de Vigo

A recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Universidade de Vigo a facer fronte a cota patronal e non descontalas das axudas para os investigadores é máis que unha simple vitoria para os afectados. É un bochornoso recordatorio da obstinación con que algunhas institucións públicas, como a Universidade de Vigo, malgastan os recursos públicos para defender prácticas laborais claramente ilegais.

Xa había sentenzas. Non unha, senón varias sentenzas de tribunais superiores de xustiza de distintas comunidades, todas coincidindo: é nulo descontar a cota patronal da Seguridade Social do salario bruto dos investigadores. A normativa é clara, a lóxica laboral é elemental: a obriga de cotizar é da empresa, non do traballador.

Porén, a Universidade de Vigo optou pola vía da teima. Prefire empregar diñeiro público –o mesmo que di defender– en avogados e recursos xudiciais, antes que en cumprir a lei e pagar o xusto a uns investigadores en situacións xa de por si precarias. Esta actitude non só é xuridicamente insostible, senón eticamente reprobable. Desprestixia o nome da institución e proxecta unha imaxe de desprezo cara aos que sustentan a investigación.

No canto de cumprir coas sentezas xa dictadas, a UVigo forzou un litixio innecesario, creando máis inseguridade xurídica e desgaste para o persoal. Esperemos que esta nova derrota, xa definitiva, sirva para reflexionar e corrixir unha política de confrontación que só a deixa en evidencia.

Tamén che podería gustar...