Condena firme contra o modelo de dirección de GADIS: 20 meses de prisión para unha encargada por acoso laboral
A Audiencia Provincial da Coruña emitiu unha sentenza firme que condena á antiga encargada do supermercado GADIS en Melide a 20 meses de prisión e ao pagamento dunha indemnización de 51.000 euros. Esta decisión xudicial chega tras a comprobación de catro delitos de acoso laboral e lesións psíquicas, desestimando as xustificacións presentadas pola empresa para eludir a súa responsabilidade.
A pesar da vitoria xudicial, representantes da CIG e as traballadoras vítimas de acoso denunciaron, en rolda de prensa, a inacción de GADIS, que mantén á condenada no seu posto de traballo e non tomou medidas para reparar o dano causado. Marcelino Varela, delegado da CIG en GADIS, subliñou que “esta sentenza non é só contra unha persoa, senón contra un modelo de dirección que se basea no acoso e na impunidade, tolerado por GADIS”.
Varela destacou que a empresa estaba ao tanto do problema antes das denuncias e non actuou. Durante o proceso, GADIS intentou desacreditar ás vítimas e mesmo ameazou á CIG. A actitude de silencio mantida por GADIS tras a sentenza foi cualificada por Varela de “inmoral”.
María José Balboa, unha das vítimas, expresou a súa indignación: “Hoxe é un día de vitoria, pero tamén de frustración. Sufrimos moito e, a pesar diso, GADIS non asumiu a súa responsabilidade. A condenada segue no seu posto, e iso é inaceptable”. Cristina Ramos, outra compañeira afectada, compartiu este sentimento, afirmando que “estamos orgullosas de que, por fin, se fixera xustiza” e animou a que “este caso sirva para que ninguén máis teña que calar”.
A falta de acción de GADIS
Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, destacou que a Audiencia Provincial subliña a falta de interese de GADIS para erradicar as situacións de acoso laboral. A sentenza indica que a empresa “non adoptou as medidas idóneas para evitar episodios graves, como os que finalmente se produciron”. As accións levadas a cabo por GADIS foron consideradas inadecuadas e ineficaces para protexer ás traballadoras afectadas.
Pérez tamén denunciou que a dirección de GADIS defendeu a actitude hostil da encargada denunciada até as últimas consecuencias. “Despois da primeira sentenza, incluso ameazou con denunciar á CIG por difamación”, afirmou, cuestionando a falta de vontade da empresa para buscar solucións e a súa intención de eludir a responsabilidade.
Demandas e mobilizacións
O secretario da CIG-Servizos da Coruña denunciou que, a día de hoxe, “continúan sen aplicar ningunha decisión para protexer ás persoas traballadoras destas situacións”. Exixiu unha disculpa pública por parte de GADIS, a separación inmediata da condenada do seu posto e a implementación dun plan contra o acoso laboral, que debe ser negociado co comité e co sindicato.
A CIG anunciou que levará a cabo todas as accións legais e mobilizacións necesarias para garantir que GADIS asuma a súa responsabilidade. “Non admitiremos que ignoren esta sentenza ou que se repitan os abusos”, concluíu Pérez, reafirmando o compromiso do sindicato na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores.