Permisos de adopción: un dereito, non unha concesión

As sesións de formación, as entrevistas psicolóxicas e todos os trámites previos á ansiada declaración de idoneidade son ausencias xustificadas e retribuídas no centro de traballo. Non son unha cesión da empresa, son un dereito. Iso si, como ocorre con outros permisos laborais, é necesario comunicalos previamente e xustificar a ausencia. É o recoñecemento de que construír unha familia, independentemente do camiño elixido, é un investimento emocional, loxístico e, por suposto, temporal que se debe amparar.

Porén, a teoría, tantas veces, choca coa práctica. Aínda hai quen, ante a comunicación do goce deste permiso, responde con miradas de recelo ou preguntas como “isto conta como vacacións?”. Este descoñecemento xera inseguridade nas persoas traballadoras, que ás veces dubidan en reclamar o que por lei lles corresponde por medo a represalias ou á etiqueta de “problemáticas”.

É necesaria unha divulgación masiva deste dereito. Normalizar estes permisos é un sinal de madurez social. É comprender que a conciliación non é só unha palabra bonita para discursos, senón un conxunto de ferramentas xurídicas que permiten que proxectos de vida esenciais, como a adopción, se fagan realidade sen que isto supoña unha penalización laboral ou económica.

Defender e coñecer estes dereitos é fortalecer o tecido social. É sinal de que, como sociedade, priorizamos ás persoas por riba das etiquetas, das estruturas ríxidas e das desvantaxes históricas.

Tamén che podería gustar...