En Xenebra négociase un acordo mundial para frear os plásticos, xa presentes nos nosos corpos
Representantes de máis de 170 países están reunidos na sede da ONU para negociar o chamado acordo global contra a contaminación por plásticos, unha oportunidade histórica para facer fronte a unha das maiores crises ambientais e sanitarias da actualidade.
Un legado tóxico iniciado nos anos 50
A produción masiva de plásticos comezou na década de 1950, impulsada pola industria petroquímica como saída para os excedentes de derivados do petróleo. O plástico presentábase como un material milagroso: barato, lixeiro, duradeiro e versátil. Comezou a substituír madeira, vidro e metais en múltiples sectores, desde o embalaxe até a construción, pasando pola medicina, a alimentación ou a moda.
Durante décadas, o seu uso foi fomentado sen apenas regulación nin avaliación dos seus impactos a longo prazo. A lóxica do consumo de masas, combinada cun modelo económico lineal (extraer-producir-usar-tirar), fixo que o plástico se convertese nun símbolo do progreso moderno, ignorando os seus custos ambientais e sanitarios.
Foi necesario chegar ao século XXI para que a comunidade científica comezase a documentar de forma rigorosa os efectos da acumulación de plásticos no medio ambiente e nos corpos humanos. A resposta das administracións foi, até hai poucos anos, lenta, fragmentada e insuficiente, moi condicionada polas presións da industria.
O plástico xa forma parte de nós
O plástico está en todas partes: no mar, no aire, na terra… e tamén no noso corpo. Diversos estudos teñen atopado microplásticos e nanoplásticos nos pulmóns, no sangue, no fígado, na placenta, no leite materno e incluso no cerebro. Calcúlase que cada persoa pode inxerir ou inhalar até 71.000 microplásticos ao día.
Os efectos sobre a saúde son cada vez máis evidentes: inflamacións, alteracións do sistema endócrino, danos respiratorios, problemas reprodutivos e mesmo risco de cancro. Algúns compostos químicos presentes no plástico, como os ftalatos ou o bisfenol A, xa foron detectados en todas as mostras humanas analizadas.
Que se está a debater en Xenebra?
- Redución na produción de plástico; A maioría dos países quere limitar a produción mundial de plásticos, especialmente os de usar e tirar. Pero potencias produtoras de petróleo como Arabia Saudita, Rusia ou os Estados Unidos opóñense frontalmente, apostando só pola reciclaxe.
- Un enfoque integral: Proponse que o acordo regule todo o ciclo de vida do plástico: desde a extracción de materias primas, pasando polo deseño e uso, até a xestión dos residuos e os seus impactos na saúde e no ambiente.
- Eliminación de substancias perigosas: Os países tamén negocian a prohibición gradual de aditivos tóxicos empregados na fabricación de plásticos. Moitos están asociados con infertilidade, enfermidades autoinmunes ou problemas no desenvolvemento infantil.
- Xustiza ambiental e financiamento: Organizacións sociais esixen que o acordo inclúa mecanismos de transición xusta, con financiamento e apoio técnico para os países máis empobrecidos e as comunidades máis afectadas pola contaminación.
- Presións da industria petroquímica: As negociacións están fortemente influenciadas por lobbies industriais. Hai máis representantes da industria petroquímica que de moitos países en desenvolvemento, o que esperta preocupación sobre o equilibrio do proceso.
A produción global de plástico supera xa os 450 millóns de toneladas ao ano, e apenas se recicla o 9 %. O resto acaba en vertedoiros, incineradoras ou nos ecosistemas.
Un informe recente alerta de que os custos sanitarios e ambientais da contaminación por plástico poderían superar os 1,5 billóns de dólares anuais.
Un momento decisivo
O encontro de Xenebra é visto por moitas organizacións ecoloxistas e científicas como a última oportunidade para frear esta crise global. A decisión que se tome nas vindeiras semanas marcará se o mundo opta por reducir o uso de plásticos na orixe ou simplemente xestionar as consecuencias dun modelo insostíbel.
A humanidade xa incorporou o plástico ao seu corpo. Agora tócalle decidir se tamén o incorpora ao seu futuro.