Un Balance de Fracaso: Dous Anos Despois da Invasión de Gaza
Cando o primeiro tanque israelí cruzou a fronteira de Gaza en outubro de 2023, os obxectivos proclamados eran tan claros como ambiciosos: destruír por completo a capacidade militar e de goberno do Hamas e liberar a tódolos reféns. Dous anos despois, cando un novo e fráxil alto o fogo se asenta sobre os escombros, é o momento de facer balance. E a conclusión, fría e inapelábel, é que a estratexia militar israelí fracasou nos seus eixos fundamentais.

O que se vende como unha guerra necesaria revelouse, en troques, como un exercicio de destrución masiva que non conseguiu os seus fins e que, paradoxalmente, fortaleceu a posición do seu adversario.
O primeiro pilar da ofensiva, a destrución do Hamas, demostrouse un obxectivo quimérico. A pesar de dous anos de bombardeos e operacións terrestres, Israel non conseguiu eliminar nin a estrutura política nin o mando operativo do movemento. Informes de organismos internacionais e mesmo de analistas israelís recoñecen que o Hamas mantén presenza organizada en diversas zonas de Gaza, segue a operar como actor político e conserva capacidade para negociar dende unha posición de resistencia. O feito de que o goberno israelí continúe a sentar na mesa de negociacións co mesmo movemento ao que prometera aniquilar é unha proba da imposibilidade de impoñer unha vitoria militar total.
O segundo pilar, a liberación dos reféns, é quizais o fracaso máis doloroso e simbólico. Segundo datos oficiais israelís e informes de Nacións Unidas, só unha pequena parte dos reféns foron liberados mediante operacións militares; a maioría regresou grazas a acordos de intercambio de prisioneiros, mediados por Qatar, Exipto e Estados Unidos. Neses mesmos intercambios, Israel liberou centos de presos palestinos, nun contexto onde existen máis de 9.000 persoas palestinas detidas, moitas delas en detención administrativa, é dicir, sen cargos nin xuízo, segundo datos de B’Tselem, Addameer e Human Rights Watch.
Resulta, pois, paradoxal que Israel reclame a devolución dos seus reféns mentres mantén milleiros de palestinos nas mesmas condicións.
A realidade é que a vía diplomática —tantas veces desprezada— foi a única que produciu resultados concretos. E incluso así, Israel non conseguiu traer de volta a todos os reféns: moitos seguens desaparecidos debaixo dos escombros a consecuencia dos propios bombardeos israelís.
—
O Custo Humano: Un Prezo Inasumíbel
O balance humano da ofensiva é devastador. Segundo as estimacións do Ministerio de Saúde de Gaza, citadas pola ONU e por organismos humanitarios, máis de 67.000 persoas morreron, máis de 170.000 resultaron feridas, e miles seguen desaparecidas baixo os escombros.
Estas cifras non puideron ser verificadas de maneira independente debido á destrución xeneralizada e á falta de acceso para observadores internacionais, o que —lonxe de restarlles credibilidade— indica que o número real podería ser aínda maior. O colapso dos servizos médicos e de rexistro civil fai imposíbel unha contabilidade exacta.
A guerra deixou tamén un tecido social esnaquizado: hospitais destruídos, campos de refuxiados arrasados, infraestruturas básicas inservíbeis e unha xeración enteira marcada polo trauma e a perda. Lonxe de achegar seguridade, esta destrución masiva senta as bases dunha nova xeración radicalizada e profundamente hostil a Israel, algo recoñecido mesmo por antigos responsables de seguridade israelís.
—
A Ruptura do Alto o Fogo: Un Erro Estratéxico
A historia recente do conflito está marcada por un punto de inflexión crucial: a ruptura do alto o fogo polo goberno israelí o 18 de marzo de 2025. Cando unha tregua xa estaba en vigor e mediadores internacionais traballaban en intercambios adicionais de reféns, Israel relanzou a ofensiva cun ataque masivo por sorpresa.
A operación, lonxe de consolidar vantaxes, afundiu a rexión nun novo ciclo de violencia, con miles de vítimas civís adicionais e sen ningún beneficio estratéxico claro.
A decisión revelou o baleiro de planificación a longo prazo e unha dependencia case exclusiva da forza militar, sen que existise unha estratexia política viábel para o “día despois”.
—
Conclusión: A Única Vía é a Política
Dous anos despois, o panorama é inapelábel: Israel non eliminou o Hamas, non liberou a todos os reféns, non restaurou a seguridade, e si deixou tras de si unha catástrofe humanitaria e unha erosión profunda da súa lexitimidade internacional.
A chamada “guerra pola seguridade” convertiuse nun espello roto: miles de mortos, cidades convertidas en ruínas e unha poboación enteira sometida a fame, desposesión e medo.
Non hai solución militar posible para un conflito que é, na súa raíz, político e de dereitos.
A verdadeira seguridade —a dos israelís e a dos palestinos— non se garante con bombardeos nin con detencións arbitrarias, senón con diplomacia, dereito internacional e recoñecemento mutuo.
O fracaso militar é evidente; o que resta por ver é se Israel e a comunidade internacional son capaces de aprender dunha lección tan dolorosa antes de condenar outra xeración máis ao mesmo ciclo de sangue e futilidade.