Gaddafi vs. Arabia Saudita: unha comparación incómoda

Cando miramos para Libia e Arabia Saudita, atopamos dous réximes con historias moi distintas aos ollos de Occidente. Muammar Gaddafi foi derrocado e asasinado tras unha intervención militar liderada pola OTAN en 2011. Arabia Saudita, en cambio, continúa a ser un aliado clave de Estados Unidos e Europa, malia ter un historial de dereitos humanos igual ou peor. *Por que?*

Libia baixo Gaddafi chegou a ter, segundo a ONU (2010), o Índice de Desenvolvemento Humano máis alto de África. A electricidade era gratuíta, a vivenda estaba recoñecida como un dereito e os mozos recibían axudas para casar e comprar casa. Educación e sanidade eran universais e gratuítas, e a taxa de alfabetización pasou do 25% en 1969 ao 82% en 2009 (UNESCO).

Arabia Saudita, a pesar da súa enorme riqueza petroleira, non ofreceu nunca beneficios universais semellantes. A riqueza concentrouse na familia real e en elites próximas, mentres a maioría da poboación vive con prestacións sociais moi limitadas.

En termos de liberdades, tanto Libia como Arabia Saudita foron réximes con limitación das liberdades. Gaddafi gobernou sen partidos políticos, prohibindo a oposición e recorrendo á tortura, ás desaparicións e ás execucións públicas. O seu réxime tamén foi vinculado a atentados como o de Lockerbie en 1988, polo que Libia acabou pagando indemnizacións.

Arabia Saudita é unha monarquía absoluta que prohibe partidos políticos e mantén a pena de morte para delitos políticos e relixiosos. En 2023, Amnistía Internacional documentou máis de 170 execucións. O asasinato do xornalista Jamal Khashoggi en 2018 ou a represión de disidentes demostran que as liberdades civís seguen practicamente inexistentes.

Gaddafi financiou grupos armados e guerrillas que presentaba como movementos de liberación nacional, como o IRA en Irlanda ou a OLP palestina. Para Occidente, iso foi unha proba da súa imprevisibilidade e hostilidade.

Pola súa parte, Arabia Saudita é o berce de Osama bin Laden e de 15 dos 19 terroristas do 11-S. O país promoveu durante décadas o wahhabismo, unha versión rigorista do islam que serviu de caldo de cultivo para o xihadismo. Informes desclasificados do Congreso dos EUA suxiren que individuos sauditas próximos ao goberno axudaron economicamente a membros de Al Qaeda.

Libia tiña as maiores reservas de petróleo de África, nacionalizadas por Gaddafi para financiar o Estado. Tamén posuía 144 toneladas de ouro, que alimentaban a súa idea dunha moeda africana baseada neste metal, un proxecto que, de levarse a cabo, puidese desafiar o sistema do petrodólar.

Arabia Saudita, en cambio, consolidouse como o garante do petrodólar: vende petróleo exclusivamente en dólares, reinviste parte desa riqueza en empresas e bonos occidentais, e mantén unha relación militar estratéxica con Washington. Só en vendas de armas, EE.UU. asinou contratos por máis de 140.000 millóns de dólares co Reino.

En 2011, a OTAN interveu en Libia cun mandato de “protexer civís” durante a Primavera Árabe. O resultado foi o cambio de réxime, o asasinato de Gaddafi e o colapso do Estado. Hoxe Libia é un país dividido en dúas faccións rivais, con presenza de milicias, grupos xihadistas e mesmo mercados de escravos de migrantes documentados pola ONU en 2017.

Arabia Saudita, pola contra, segue intacta. Nin o seu papel na expansión do xihadismo, nin os crimes de guerra en Iemen, nin o asasinato de Khashoggi provocaron sancións. A explicación é simple: Arabia Saudita é demasiado útil para Occidente como provedor de petróleo e comprador de armas, ademais de pilar contra Irán.

O contraste entre Libia e Arabia Saudita mostra que, máis alá do discurso sobre democracia e dereitos humanos, o que realmente pesa nas decisións internacionais son os intereses económicos e estratéxicos. Mentres Arabia Saudita continúa a ser protexida e corteixada a pesar do seu autoritarismo, da súa represión interna e do papel na expansión do islamismo radical, Gaddafi foi eliminado por desafiar o sistema financeiro e petroleiro sobre o que se sostén Occidente. Sen embargo, a súa caída non abriu a porta a un futuro mellor; o que quedou foi un país dividido, arrasado pola guerra e a violencia, onde os dereitos humanos desapareceron por completo.

Ao final, quen acabou pagando o prezo desta loita de poder foi o pobo libio, que perdeu tanto a estabilidade como o nivel de vida que tiña, e quedou atrapado nun estado fallido sen horizonte claro.

Tamén che podería gustar...