O persoal de Einsa Print afronta un novo ERE tan só quince meses despois do anterior

A empresa Einsa Print , con sede en As Pontes, comunicou o pasado 16 de xuño o inicio dun novo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) por causas económicas e produtivas, segundo confirmaron fontes sindicais. Esta nova medida chega apenas quince meses despois do anterior ERE extintivo, executado en marzo de 2024, que reduciu o cadro de persoal de 227 a 107 persoas.

A central sindical CIG denuncia que a empresa non está a ofrecer unha solución real aos problemas estruturais que arrastra desde hai anos. Segundo declarou o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal , a empresa recoñece que parte das causas produtivas alegadas neste novo ERE xa foran esgrimidas no expediente anterior, o que evidenciaría unha continuidade da situación sen mudanzas nin alternativas de viabilidade.

O persoal considera que este novo axuste laboral podería supoñer o peche definitivo da planta de artes gráficas. Alertan de que nas últimas semanas se intensificou o desmantelamento de maquinaria e que a carga de traballo segue a diminuír. A empresa trasladou durante o período de consultas a súa intención de cesar toda actividade produtiva antes do 31 de marzo de 2026 , ofrecendo indemnizacións de 30 días por ano traballado cun tope de 20 mensualidades, e convenios especiais para persoas maiores de 55 anos.

Como resposta, os traballadores iniciaron unha folga indefinida desde o propio día 16 de xuño, coincidindo co inicio formal das negociacións do ERE. Desde a CIG critican tamén que a empresa incumpre o acordo alcanzado tras o anterior ERE , que establecía o mantemento do emprego ata finais de 2026.

A central sindical solicita a retirada inmediata do expediente e reclama a intervención da Xunta e do Goberno central para garantir un proxecto de reindustrialización que evite a perda de actividade industrial nunha das principais empresas do concello.

Tamén che podería gustar...