Seguimento do 100% na folga das auxiliares de Inditex para reclamar condicións salariais xustas

O 100% do persoal das contratas Sodexo, Samsic e Veolia, que agrupan a unhas 300 persoas, iniciou este xoves un calendario de folgas e paros parciais en demanda de melloras nas condicións salariais e laborais. O apoio masivo ao paro resultou nun éxito rotundo, xa que non se presentou a traballar ningunha persoa destas tres contratas, provocando a suspensión dos servizos de comedor e limpeza nas instalacións de Inditex en Arteixo.

A multinacional xa informou ao seu propio persoal que non haberá servizo de comidas na Fundación nin hoxe nin mañá, debido a un paro laboral convocado para este venres de 9:30h a 12:30h. Aínda que o seguimento no servizo de mantemento tamén é practicamente do 100%, a afectación no funcionamento xeral é menor, dado que Veolia só se ocupa dunha parte desta actividade.

Ademais, as traballadoras e traballadores do comedor das instalacións de Inditex en Narón (Indipunt e Pull&Bear) están convocados a ir á folga o próximo luns, 15 de maio, en todas as quendas laborais.

O apoio unánime á folga foi evidente na elevada participación na concentración realizada diante da sede da multinacional en Arteixo entre as 14:00 e as 15:30h. Ao berro de “traballo para Inditex e non chego a fin de mes”, as traballadoras e traballadores mostraron a súa determinación de loitar por uns salarios xustos, acordes coas cifras récord en vendas e beneficios que a empresa pechou no ano 2024.

Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos, denunciou que as negociacións para a renovación dos pactos de melloras que afectan ao persoal destas auxiliares están estancadas debido á negativa de Inditex a incrementar os orzamentos destinados ás contratas. Pérez subliñou que as traballadoras e traballadores destas empresas prestan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións de Inditex, como son os comedores (Sodexo), a limpeza (Samsic) e o mantemento (Veolia), “pero cos salarios que cobran teñen dificultades para chegar a fin de mes”.

O secretario comarcal lembrou que, “ademais de cobrar moi pouco”, este colectivo laboral tampouco goza das melloras e das condicións favorábeis que ten “o resto do persoal co que conviven a diario”. A maioría do persoal destas auxiliares “é máis veterano que a media de persoas que traballan directamente para Inditex, e hai quen leva máis de 30 anos”.

Diante do estancamento das negociacións e a imposibilidade de chegar a un acordo, a asemblea de persoal valorará a posibilidade de convocar unha folga indefinida en demanda de salarios e condicións xustas.

A mobilización do persoal de Sodexo en Narón, que se suma a estas protestas, tamén busca visibilizar a súa situación. Paloma Labarta, delegada do sindicato CIG en Sodexo, explicou que a folga ten como obxectivo mellorar as condicións laborais, tanto salariais como en licencias retribuídas e outros beneficios sociais. Labarta destacou que as condicións actuais son complicadas e que a empresa limita as visitas médicas sen repercusión salarial, dificultando a conciliación da vida laboral e persoal.

As mobilizacións continúan, e o persoal das auxiliares de Inditex mantén a súa determinación de loitar por unhas condicións salariais dignas e xustas.

Tamén che podería gustar...