Mobilización do persoal auxiliar de Inditex por condicións salariais dignas
Este venres, un grupo de aproximadamente 300 traballadoras e traballadores das empresas auxiliares Sodexo, Samsic e Veolia concentráronse diante da sede da multinacional Inditex en Arteixo para reclamar condicións salariais dignas e defender os seus dereitos laborais. A protesta, convocada pola Confederación Intersindical de Galega (CIG), ten lugar no marco da renovación dos acordos de mellora que regulan as condicións laborais nas contratas que prestan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario da compañía, como a xestión de comedores, a limpeza e o mantemento.
Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, explicou que inicialmente se intentou establecer unha negociación conxunta entre todas as contratas, pero as empresas rexeitaron esta posibilidade. Así, as negociacións están a desenvolverse de forma separada, e as propostas de mellora salarial que se están a ofrecer son consideradas “ridículas” polo persoal mobilizado.
Os traballadores e traballadoras manifestaron a súa preocupación, subliñando que, a pesar de que Inditex presume de altos salarios na súa contabilidade, non se ten en conta a situación dos empregados das contratas. “Cando Inditex presenta as contas, presume que a media do salario na compañía é moi elevada, pero non ten en conta os salarios de todo o persoal que está nestas contratas”, destacou Pérez.
A externalización dos servizos, segundo o sindicato, ten como único obxectivo precarizar as condicións laborais e abaratar custos, a pesar de que as tarefas realizadas son imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións. Pérez tamén apuntou que a maioría do persoal auxiliar ten máis antigüidade que a media dos empregados que traballan directamente para Inditex, pero os seus salarios están por debaixo das táboas dos convenios provinciais de referencia.
Neste contexto de beneficios multimillonarios e expansión constante do grupo Inditex, os traballadores e traballadoras das auxiliares non están dispostos a aceptar condicións laborais precarias. A alta participación na concentración deste venres evidenciou a determinación do persoal. “Merecemos chegar a fin de mes. Non pedimos máis que un salario e condicións acordes coa gran empresa para a que traballamos”, afirmaron.
Se non se producen avances substanciais nas negociacións, as asembleas de persoal xa abordaron a posibilidade de convocar unha folga para esixir os seus dereitos.