Xapón revoluciona a construción de estacións de tren coa impresión 3D

A impresión 3D está a transformar o panorama arquitectónico e de infraestruturas, e agora, tras a construción de casas e centros de datos, é o momento das estacións de tren. Recentemente, Xapón deu un paso adiante ao instalar a primeira estación de tren do mundo construída mediante esta innovadora tecnoloxía. As persoas responsables do proxecto destacan que as principais vantaxes da impresión 3D en comparación cos métodos tradicionais son a rapidez e a sustentabilidade.

A nova estación, situada en Hatsushima, na prefectura de Wakayama, non é unha estrutura monumental, senón unha construción sinxela, funcional e compacta. A primeira vista, pode parecer de plástico, pero en realidade está fabricada en formigón. Con menos de 10 metros cadrados, a estación sostense sobre varias barras de reforzo e conta con dúas aberturas para o acceso das persoas viaxeiras.

**Un proceso áxil e eficiente**

A estrutura foi impresa a poucos quilómetros do seu destino e, posteriormente, trasladada en camión ata a estación de Hatsushima. O montaxe final realizouse de forma rápida, completándose en apenas dúas horas co apoio dunha grúa. Naohiro Ohashi, portavoz de JR West Japan, explicou que “normalmente se tarda uns dous meses en construir unha estación deste tamaño”, pero nesta ocasión a prioridade foi a rapidez.

A impresión da estrutura en si, que se realiza mediante un proceso de adición de capas de material, pode levar entre 24 e 48 horas, dependendo da complexidade do deseño e das especificacións técnicas. Este tempo de impresión é significativamente menor en comparación cos métodos de construción tradicionais, que implican múltiples etapas e un maior número de recursos. As pezas, que pesaban varias toneladas, foron manipuladas por un equipo reducido de seis operarios, incluído o operador da grúa.

Esta experiencia permitiu á compañía obter unha estimación máis precisa do tempo necesario para instalar este tipo de estacións, que forman parte de proxectos futuros. A partir de agora, a empresa avaliará a viabilidade económica tanto da construción como do mantemento. Dependendo do rendemento desta primeira estación, consideran a posibilidade de estender o uso da impresión 3D a outras localizacións. A impresión 3D non só facilita a renovación planificada das infraestruturas ferroviarias, senón que tamén responde á crecente escaseza de man de obra, contribuíndo a un futuro máis sostible.

Tamén che podería gustar...