A xustiza non é cega, é selectiva
Existe un relato cómodo sobre a xustiza: que é cega, imparcial, que trata a todos por igual diante da lei. Un relato que se desfai en canto un olla de preto como funciona na práctica cotiá. Non como teoría xurídica, senón como experiencia vivida pola xente de a pé.
Aconteceu hai pouco. Unha persoa acode a un sindicato buscando orientación. Entraron na súa casa e roubáronlle dous mil euros. Presentou a denuncia. A policía recolleuna. E informouna, con toda a naturalidade, de que probablemente non tería recorrido: sen indicios, sen cámaras, sen probas. Caso pechado antes de abrirse. A máquina xudicial non se moveu. Ningunha dilixencia. Ningunha investigación. Nin un só anel da cadea policial ou xudicial se activou para atopar ao responsable dun delito que lle custou a esa persoa, posiblemente, varios meses de esforzo e aforro.
Ao mesmo tempo, diante dun establecemento dunha grande superficie, durante unha protesta, alguén encendeu unha bengala. As paredes da empresa mancháronse. Os danos, se os houbo, non superan os dous mil euros —a mesma cantidade que lle roubaron á outra persoa, aquela cuxa denuncia non tiña recorrido—. Pero neste caso, a resposta do Estado foi completamente diferente: a Garda Civil comezou a chamar a sindicalistas, o xulgado citou persoas, púxose en marcha todo un aparello investigador para identificar a quen prendeu esa bengala.
A pregunta é inevitábel: por que?
A resposta non está na gravidade obxectiva dos feitos. Dous mil euros é dous mil euros, sexa quen sexa a vítima. Está noutra cousa: en quen ten capacidade de reclamar, de presionar, de facer que o sistema se mova. Mercadona ten departamento xurídico. Ten recursos para personarse como acusación. Ten capacidade de facer ruído institucional. A persoa á que lle entraron na casa non ten nada diso, e menos aínda despois de que lla valeiraran.
Formalmente, ambas teñen acceso á xustiza. Presentaron ou puideron presentar as súas denuncias. Ninguén as botou da comisaría. Pero o acceso formal non equivale a igualdade real. A xustiza non funciona en abstracto: funciona con recursos humanos limitados, con criterios de priorización implícitos, con sensibilidades institucionais que responden —non sempre conscientemente— ao peso social e económico de quen está ao outro lado do mostrador.
Isto non é un accidente nin unha casualidade. É unha consecuencia lóxica dun sistema que, malia proclamar a igualdade, non a garante de facto para quen non ten medios. A asistencia xurídica gratuíta existe, pero é insuficiente e sobrecarregada. Os mecanismos para que unha persoa sen recursos poida exercer realmente a acusación particular son engorrosos e pouco accesibles. E mentres tanto, as empresas con capacidade económica contan con equipos especializados que coñecen os resortes do sistema e saben accionalo.
Non se trata aquí de cuestionar a investigación duns posíbeis danos a unha empresa, nin de reivindicar a impunidade por calquera acto. Trátase de sinalar a asimetría: cando o poder económico é vítima, a xustiza esperta. Cando a vítima é anónima e sen recursos, a xustiza bosteza.
Unha democracia que se tome en serio a si mesma non pode conformarse con garantir o acceso formal á xustiza. Ten a obriga de garantir que ese acceso sexa efectivo e equitativo. Mentres esa brecha exista, o dereito á tutela xudicial efectiva será, para moita xente, pouco máis ca un artigo nunha constitución que nunca chegou a coñecer.