Parar de traballar por calor extremo: un dereito limitado e condicionado

A Lei recoñece que se pode interromper a actividade en caso de risco grave, pero non en calquera circunstancia nin de forma unilateral

O verán trae temperaturas extremas cada vez máis frecuentes en Galiza, e con elas, xorden dúbidas nas persoas traballadoras sobre os seus dereitos en situacións de calor insoportable. ¿Pode unha persoa deixar de traballar se considera que a súa saúde está en perigo? A resposta é si, pero con matices importantes.

A Lei de Prevención de Riscos Laborais, no seu artigo 21, recoñece o dereito a interromper a actividade e abandonar o lugar de traballo cando exista un risco grave e inminente para a saúde ou a vida. Porén, este dereito non é absoluto, senón que está condicionado ao que establece o sistema de prevención da empresa.

Segundo o apartado primeiro da lei, é a empresa quen ten a obriga de:

  • Avaliar o risco,
  • Informar á plantilla sobre a súa existencia,
  • Establecer instrucións claras para que, en caso de perigo grave, se poida interromper a actividade de maneira segura.

dentro dese marco preventivo, a persoa traballadora pode exercer o seu dereito a parar. É dicir, non é unha decisión que se poida tomar de forma completamente individual e sen base.


Que pasa se a empresa non actúa?

A realidade é que moitas empresas non contan con protocolos fronte ao calor extremo ou non informan axeitadamente ao persoal sobre como proceder en caso de risco térmico. Nese contexto, a persoa traballadora pode verse obrigada a interromper a súa actividade por iniciativa propia.

A lei contempla esta posibilidade, pero esixe que a persoa actúe de boa fe e segundo os seus coñecementos, avaliando o risco cos medios que teña ao seu alcance. A súa percepción do perigo debe ser razoable e fundamentada: traballar sen sombra, sen auga, sen pausas e con temperaturas excesivas pode xustificar unha paralización individual.


O risco de sanción existe

Actuar sen respaldo da empresa ou da representación legal comporta riscos. Se a empresa considera que non había perigo real ou que a decisión foi arbitraria, pode abrir un expediente disciplinario por abandono de posto ou insubmisión.

Nese caso, será clave poder demostrar:

  • Que existía un risco obxectivo (por exemplo, temperaturas extremas sen medidas preventivas),
  • Que a actuación foi proporcionada,
  • E que se intentou comunicar ou advertir á empresa.

A representación legal, peza clave

A representación legal das traballadoras e traballadores (RLT) ten a potestade de ordenar a paralización da actividade colectiva en caso de risco grave. Esta vía ofrece unha cobertura legal máis segura e formaliza a decisión ante a empresa e a administración.

Por iso, contar cunha RLT activa e formada en prevención é fundamental, especialmente en sectores expostos ao aire libre ou sen control térmico.


Parar por calor é un dereito recoñecido pola lei, pero non é automático nin ilimitado. A persoa traballadora debe avaliar ben a situación, actuar con responsabilidade e, sempre que sexa posible, contar co respaldo da representación legal ou recorrer á Inspección de Traballo.

O mellor mecanismo de protección é a prevención, e esa responsabilidade recae en primeiro lugar nas empresas.

Tamén che podería gustar...